Etiquetas

01 mayo 2011

SARA RUMBAO CONDE

Naceu en Allariz o 24 de xaneiro de 1888. Matriculouse no Instituto de Ourense no curso 1910-11 para cursar os estudos de Maxisterio. As materias que cursou foron Relixión e Historia Sagrada; Gramática castelá de 1º; Nocións de Aritmética e Xeometría; Nocións de Xeografía e Historia e Debuxo. En todas elas sacou sobresaliente. 

Tan só realizou un curso pois, como é sabido, a partir de 1912 suprimíronse os estudos de maxisterio para mestras nos Institutos. Polo tanto, solicitou traslado á Normal de León. Non obstante, non debeu efectuar o traslado pois, en 1932 ingresou, de novo, na Escola Normal de Ourense, cando esta xa tiña edificio propio no Progreso e cando se implantou un novo plan de estudos. Daquelas o plan de estudos era o profesional polo que, tras os tres cursos, no cuarto ano, en 1935, fixo as prácticas no Grupo Escolar Curros Enríquez de Ourense. En 1937 foi nomeada mestra interina con destino na escola de San Martín de Pazo, en Allariz. 

Logo vai a Madrid e inscríbese na Escola Normal Central de Mestras onde acada unhas cualificacións brillantes e, a continuación, saca as oposicións a Inspectora. Exerceu en Córdoba, logo en A Coruña.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese de doutoramento en publicación; Galicia, 2 de outubro de 1932, p. 1; "Información del magisterio", Galicia, 21 de setembro de 1935, p. 6; "Nombramientos de maestros interinos grado profesional", El Eco de Santiago, 3 de marzo de 1937, p. 2.