Etiquetas

25 abril 2011

ROSA ABAD AMEIJEIRAS

Naceu en Vilagarcía no ano 1911. Era irmá de María Exclavitud Abad e o seu pai era comerciante. Figura neste blog pois, coma a súa irmá, estudou no Instituto Provincial de Ourense onde fixo o ingreso en 1924 cando tiña 13 anos. Estudou por libre catro cursos para, posteriormente, trasladarse ao Instituto de Pontevedra. En 1930 figura matriculada na Facultade de Filosofía de Santiago. Licénciase en 1934. Vid: Cid Galante, Rosa, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita. Cid Galante, Rosa, "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria" en Revista Minius, nº XI, 2003. Cid Galante, Rosa e Benso Calvo, Carmen, Los expedientes de las estudiantes de bachillerato: una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)Historia de la educación: Revista interuniversitaria, ISSN 0212-0267, Nº 26, 2007, págs. 437-470.

18 abril 2011

CELSA FERRÍN MOREIRAS

Irmá de Antonia Ferrín Moreiras e de María Ferrín Moreiras. Naceu en 1908 en Ourense e o seu pai era mestre. Figura no rexistro de matrícula do Instituto Provincial de Ourense no ano 1919 e realiza dous cursos para logo trasladarse ao Instituto de Santiago de Compostela onde se titula. Matricúlase en 1924 na carreira de Filosofía e licénciase en 1929. Estas mulleres formaban parte dunha familia que non tivo reparo en enviar ás súas fillas a realizar estudos superiores nunha época na que as espectativas non seguían esta traxectoria senón a da da vida doméstica. Vid: Cid Galante, Rosa, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita. Cid Galante, Rosa, "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria" en Revista Minius, nº XI, 2003. Cid Galante, Rosa e Benso Calvo, Carmen, Los expedientes de las estudiantes de bachillerato: una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)Historia de la educación: Revista interuniversitaria, ISSN 0212-0267, Nº 26, 2007, págs. 437-470.

BELLEZAS ORENSANAS


Foto: La Región, 7 de Junio de 1928

14 abril 2011

ANTONIA FERRÍN MOREIRAS

Naceu o 13 de maio de 1914 en Ourense. Antonia Ferrín Moreiras naceu no Carballiño o 13 de maio de 1914 nunha familia de catro irmás, das que ela era a terceira. O seu pai era mestre de escola nesta vila, pero antes de alcanzar as nenas a idade de ir ao instituto, en contra dos costumes da época, a familia trasládase a Santiago de Compostela co fin de que as catro irmás cursen estudos superiores. Nesta cidade, durante un tempo, o pai compaxinou as clases cun traballo en Facenda, e as fillas esforzáronse para acceder a matrículas gratuítas e bolsas para aliviar a economía familiar. Comezou a asistir á escola con 7 anos, pero aos 9 estaba preparada para facer o ingreso no instituto, nunha época en que ademais das clases (mañá e tarde) o que facían as crianzas era xogar. Os estudos de Bacharelato de Ciencias cursounos no que era Instituto Xeral e Técnico e logo no Instituto Nacional de 2º Ensino cursa o Bacharelato Universitario, xunto con arredor dunha ducia de nenas máis. En 1930 comeza os estudos superiores na Facultade de Ciencias da USC, que entón só ofertaba a especialidade de Químicas. Ao rematar a carreira, Antonia comeza a súa ampla traxectoria profesional: en 1934 é contratada como axudante interina gratuíta da Sección de Ciencias, na que pouco antes rematara a súa primeira licenciatura. Desempeña este posto durante os dous cursos seguintes, ao mesmo tempo estuda os dous primeiros cursos da especialidade de Matemáticas (os únicos que ofrecía a USC), dá clases particulares e traballa como axudante gratuíta da Sección de Ciencias do Instituto Xelmírez. Ao ano seguinte engade a isto a súa incorporación como profesora de Matemáticas no Colexio para nenas orfas Nosa Señora dos Remedios, no que permanecerá ata 1948. En 1936 Antonia tiña prorrogados os seus contratos mais a suspensión da actividade académica, derivada do estalido da Guerra Civil, trunca os seus proxectos. Por se isto non fose suficiente, en outubro de 1937, como consecuencia dunha denuncia anónima, ábrenlle un expediente de depuración ratificado pola Comisión correspondente, co resultado dunha sanción de inhabilitación para desempeñar cargos directivos e de confianza e que, na práctica, supuña ademais un afastamento da docencia no Instituto. A pesar disto, ela non se consideraba represaliada, aínda que si tratada con prexuízo, xa que o posto que ela ocupara asignáranllo a outro profesor en propiedade. En 1940 consegue unha revisión da súa causa. Esta ten como resultado a anulación da sanción e a súa rehabilitación. Retoma así docencia na Facultade de Ciencias, pero non a do Instituto, aínda que foi encargada de clases en diversas ocasións ata o ano 1961. Foi amais unha estudante incansable. Durante o curso 1939-40 completou as materias que necesitaba para licenciarse en Farmacia, no seguinte as de Maxisterio na Escola Normal Feminina, e entre os anos 43 e 48 obtén a Licenciatura en Ciencias Exactas (agora Matemáticas) pola Universidade Central de Madrid (hoxe Complutense) como alumna non asistencial. Por esta mesma época coñecerá ao profesor D. Enrique Vidal Abascal, de cuxa cátedra foi primeira profesora axudante e despois adxunta; será el quen lle presente a D. Ramón María Aller. Estes dous profesores foron para ela unha ‘Facultade’ completa, con eles entra en contacto co mundo da Astronomía, que durante preto de 20 anos ocupará gran parte do seu tempo. En 1950 logra unha bolsa do Consello Superior de Investigacións Científicas, que dous anos despois se converterá nun contrato de axudante de observación no Observatorio Astronómico de Santiago, que desenvolverá ata 1963. Acode cada tarde, traballa con D. Ramón, co que fala de cuestións científicas facendo os cálculos e observacións que el propuña. Antonia non só foi a súa alumna predilecta, senón tamén a máis fiel, constante e directa colaboradora. En 1953 aproba a oposición de profesora numeraria de Matemáticas na Escola de Maxisterio de Santander; non obstante, aos dous anos volve por concurso de traslados á Escola Normal Feminina “Isabel la Católica” en Santiago, onde permanecerá ata 1963. Esta escola estaba situada no edificio do Pazo Xelmírez, onde hoxe se encontra o Reitorado da USC. Amais disto, entre 1954 e 1956 realiza os cursos de Doutoramento en Madrid, centrándose na Astronomía. No Observatorio efectuou medidas micrométricas de estrelas dobres, observou pasos de estrelas por dúas verticais e ocultacións de estrelas pola Lúa. Os resultados de tantas horas de cálculos e observacións aparecen salientados en varios artigos publicados por D. Ramón na revista Urania (n.os 225, 229, 252) (nos que especifica que Antonia foi quen fixo cálculos ou medicións) e por ela mesma: “Sobre observaciones meridianas y en el primer vertical” (n.º 223, 224), “Observaciones de pasos por dos verticales” (n.º 258) e unha lembranza de D. Ramón M.ª Aller tras a súa morte (n.º 264). Probablemente a maior recompensa fora a defensa da súa tese en 1963:Observaciones de pasos por dos verticales, trátase da primeira tese defendida na Facultade de Matemáticas da USC. En 1964 foi nomeada Catedrática Numeraria de Matemáticas da Escola Feminina de Maxisterio Santa María da Universidade Central de Madrid, alí permanecerá ata a súa xubilación forzosa en 1984. Reparte entón o seu tempo entre Madrid e Santiago, onde se instala definitivamente nos últimos anos. A Antonia deseguida lle captaban a capacidade de traballo e de organización; así, unha vez asentada en Madrid foi chamada polo profesor Sixto Ríos para dar clase de Matemáticas en Medicina durante 2 anos (decide non volver porque as listas de alumnado “eran como libros de grosas e fumábase na clase anterior”) e polo profesor José M.ª Torroja, membro do tribunal que xulgou a súa tese, para dar clase de Astronomía. Explica diferentes materias da especialidade, desempeña cargos directivos e fai parte de tribunais de oposición. Ata uns meses antes do seu pasamento (o 6 de agosto de 2009), seguiu a ser unha conversadora incansable cunha memoria prodixiosa, capaz de recordar un torrente de anécdotas de tantos anos de dedicación a un traballo que lle permitiu coñecer grandes matemáticos nacionais e internacionais (Vidal Abascal, Ramón María Aller, Sixto Ríos, Torroja Menéndez ou Germán Ancochea, Santaló e Sierpinski), e vivir en primeira persoa os primeiros pasos da Facultade de Matemáticas da USC cos seus primeiros Coloquios Internacionais de Xeometría Diferencial (primeiros encontros internacionais de Matemáticas realizados en España), nos que ela é a única profesora participante. Dende o seu retiro santiagués continuou acudindo a actos sociais, así o 24 de maio de 2008 acode á celebración do 50º aniversario da Facultade de Matemáticas da USC, acto en que foi nomeada madriña do evento, como ela dixo: “en plena xuventude, con 94 anos cumpridos para non correr o risco de emocionarme”. Tamén participou no acto en que se dedicaron seis aulas da citada Facultade a cinco insignes ex-profesores e mais a ela. Autor/a da biobibliografía: Matilde Ríos Fachal en CULTURA GALEGA, ALBUM DE MULLERES. Foto, idem A autora deste blog consultou o seu expediente no Arquivo da Universidade de Santiago Vid: AHUS, Expedientes personales. Cid Galante, Rosa Mª, "As primeiras ourensás ante o reto da educación Universitaria (I) e (II), Revista Minius, nº 11 e 12, 2003, pp.139-155.

08 abril 2011

SARA LEIRÓS FERNÁNDEZ

Irmá de Ángeles Leirós Fernández. Sara será Inspectora de Educación en Ourense e no ano 1936 realizará varios viaxes, grazas a unha beca concedida pola Junta de Ampliación de Estudos, a diferentes países coa intención de adquirir máis coñecementos sobre Organización escolar. Vid: Costa Rico, Antón, Historia da educación e da cultura en Galicia, Vigo, Xerais, 2004, p. 1001.

06 abril 2011

NIEVES ÁLVAREZ GONZÁLEZ

Naceu en 1905 en Maceda. No ano 1917 ingresa no Instituto Provincial de Ourense onde se matricula en tres cursos pola opción oficial. Posteriormente trasládase á Escola Normal de Ourense onde sacou o título de mestra. Afiliouse ao Partido Comunista e foi directora dunha gardería en Barcelona durante a guerra civil. Exiliouse a Rusia, regresando en 1985. Vid: Cid Galante, R. e Benso Calvo, C., “A incorporación das mulleres ourensás ao ensino secundario (1900-1930)”, publicado en la Revista Sarmiento, Anuario Galego de Historia da Educación, 10 2006, pp. 147-185, con ISSN: 1138-5863; Cid Galante, R., e Benso Calvo, C., "Los Expedientes de las Estudiantes de Bachillerato: Una fuente básica para el estudo del alumnado femenino de los Institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930), Revista de Historia de la Educación, 26, 2007, pp. 437-470; Costa Rico, Antón,Historia da educación e da cultura en Galicia, Xerais, 2004, p. 1050.

05 abril 2011

AURORA MACEDA LÓPEZ

Inspectora de educación en Ourense que no ano 1936 estará pensionada en varios países para profundar nos seus coñecementos de Organización escolar. Houbo en Galicia a comezos de século XX unha preocupación pola teoría e práctica educativa o que levou que certos intelectuais e profesionais se animasen a pedir pensión noutros países para enriquecer os seus coñecementos. No 1907 créase a JAE (Junta de Ampliación de Estudios) que era un organismo oficial que promovía os intercambios científicos e culturais que contribuísen á modernización e renovación cultural do país para coñecer as correntes educativas europeas e americanas. Vid: Costa Rico, Antón, Historia da educación e da cultura en Galicia, Xerais, 2004, pp. 996 e 1001.

03 abril 2011

MANUELA SABURIDO VÁZQUEZ

Rafael Salgado no seu estupendo libro "Achegamento á historia da fotografía en Ourense" fai unha pormenorizada reconstrución da vida e instalación dos fotográfos en Ourense. O libro resalta a Manuela Saburido Vázquez, dona do "minuteiro" Lisardo Mazaira López. Os dous naceron en Lugo e trasladáronse a Ourense onde conseguen dous barracóns que o Concello tiña na Alameda e alí exercían a fotografía. Cando Lisardo se traslada a un local preto do Hotel Barcelona, Manuela, que segundo Rafael sería a primeira minuteira de Ourense, decide continuar coa súa vella cámara na Alameda. Vid: Salgado, Rafael, Achegamento á Historia da fotografía en Ourense (1856-1940), Deputación Provincial de Ourense, 2011, pp.160-161. Foto: Idem

02 abril 2011

MARÍA CONCEPCIÓN PÉREZ COLEMÁN

Estudou no Instituto Provincial no que se matricula en 1922 cando tiña 14 anos. De familia con posibles. Estuda os seis cursos de rigor e acada o Título de Bacharelato cunha cualificación estupenda de media Notable.No libro de Posesión e Cesamentos do Instituto Provincial figura como profesora de Traballos Manuais da Escola Fogar do Centro. Vid: Cid Galante, Rosa, Muller e educación en Ourense...Op.cit.; Cid Galante, R., e Benso Calvo, C., "Los Expedientes de las Estudiantes de Bachillerato: Una fuente básica para el estudo del alumnado femenino de los Institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930), Revista de Historia de la Educación, 26, 2007, pp. 437-470; Bande, E., Institucións docentes e grandes mestres....Op.cit., p. 348.

01 abril 2011

MARIA TERESA BOUZO SANTIAGO

Naceu en 1914 en Ourense no seu dunha familia con posibles, era filla do prestixioso médico Don Manuel Bouzo. No ano 1924 figura matriculada no Instituto Provincial de Ourense onde cursa pola opción libre catro cursos e logo pola opción oficial, asistindo ás clases xunto cos seus compañeiros e compañeiras. Unha vez que obtén o título encamíñase á Escola Normal de Mestras. María foi catedrática numeraria de Física e Química no Instituto Provincial de Ourense a mediados do anos trinta e comezos do cuarenta. Foi nomeada en 1958 directora do Instituto de Enseñanza Media de Ávila. María Bouzo desempeñou diversas cátedras en diferentes centros docentes españoles e tamén en Marrocos. Vid: "La historia en cuatro tiempos", La Región. Cid Galante, Rosa María, tese inédita e artigos varios Bande Rodríguez, E., Institucións docentes e grandes mestres en Ourense, 1846-2005...Op.cit., p. 348.