Etiquetas

05 marzo 2011

SIRA VILLOT CANAL

Naceu no pobo de Moreiras o 15 de maio de 1905 e era filla do Modesto Villot Varela, encargado do Despacho Central do Ferrocarril de Ourense  e de Luísa Canal García. A familia instalouse en Ourense en 1910. A nai de Sira faleceu en 1912. Modesto Villot, o pai, faleceu en xuño de 1935. Parece ser que tamén rexentaba un negocio de tintorerías en Ourense, primeiro na rúa da Paz e logo na rúa de Santo Domingo.

Sira, realizou o exame de ingreso na Escola Normal de Mestras o 14 de xuño de 1919. Posteriormente matriculouse por oficial nos catro cursos de maxisterio desde 1919 ata 1923. Comezou asistindo como oínte ás clases coa autorización da dirección e dos mestres que na Normal impartían clases pero cando quixo examinarse das materias foille negado por unha cuestión de idade. Por conseguinte, Sira enviou unha instancia solicitando permiso para poder realizar os exames das materias do primeiro curso que, finalmente, lle consentiron.
Tivo unhas cualificacións de sobresaliente en todos os cursos e titulou como mestra en 1923.
Entre 1924 e 1931 tamén se  matriculou por libre no Instituto Provincial e varias das materias fóronlle conmutadas por ter feito estudos de maxisterio, e en 1932 consegue o título de Bacharelato.

Sira presentouse ás oposicións de maxisterio en 1926 e exerceu como mestra interina na escola de Paradaseca.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930) Tese de Doutoramento.; La Correspondencia Gallega, 30 xuño 1910, p. 3; La Región, 23 de abril de 1914, p. 3. Información da súa traxectoria académica consultada no Arquivo da Universidade de Vigo.