Etiquetas

27 febrero 2011

MARÍA PURIFICACIÓN NEIRA GONZÁLEZ

Gustavo Docampo envíame esta información interesante. Fai alusión a María Neira que naceu en La Felguera, Asturias, 1962 pero é valdeorresa por parte de pai, natural da aldea de Xagoaza (O Barco) lugar onde pasaba as vacacións cos seus familiares, sendo nena e adolescente. É médica, Directora de Saúde Pública e Medio Ambiente da OMS, en 2004 foi Directora da Axencia Española de Seguridade Alimentaria. María Neira estudou Mediciña na Universidade de Oviedo e realizou os seus estudos de especialización de endocrinoloxía en Francia. Exerceu con Médicos sen Fronteiras, en Centroamérica. Máis tarde trasladaríase coa ONU a Mozambique e Ruanda. Ingresou na Organización Mundial da Saúde como directora do departamento de Prevención e Erradicación de Enfermidades Infecciosas. Tras isto, en 2004, foi nomeada presidenta da Axencia Española de Seguridade Alimentaria, trasladándose a Madrid. Poucos anos despois regresou a Xenebra para continuar o seu traballo na OMS, xa como directora do departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente. No ano 2006 foi condecorada polo goberno francés coa Orden do Mérito Nacional. En 2009 acompañou á directora da OMS, Margaret Chan, para recoller o Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional. María está casada co italiano Salvatore, que traballa no alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), e ten un fillo

26 febrero 2011

LUÍSA TABOADA ALEMPARTE

Naceu en Boborás en 1912 e estudou no Instituto Provincial onde ingresou no 1926 cando tiña 14 anos. Alí acadou o título de bachiller estudando os dous primeiros anos por libre e os outros por oficial. Logo, en 1931 matricúlase en Farmacia titulándose en 1940. Vid: Cid Galante, Rosa María, As primeiras mulleres ourensás que accederon aos estudos universitarios...Op.cit.

25 febrero 2011

CARMEN LASO DE VÁZQUEZ

Era profesora de partos en 1921 en Ourense. Era ex interna dos Hospitais de Asistencia Pública de Bos Aires e revalidada no Gran Hospital Real de Santiago. As clases ofrecíaas na Rúa Liberdade nº 33 de Ourense. Vid: La Región, 13-07- 1921

24 febrero 2011

ROSA ENRÍQUEZ NOYA

Naceu na Rúa no ano 1969. É licenciada en Filoloxía Hispánica. Na actualidade exerce como profesora de fránces no IES Macías o Namorado de Padrón. Colabora con revistas, tales como Dorna, Xistral, A casa da Gramática, Leña Verde, A xanela e Ólisbos, Galiza Livre...e como columnista en La Región. Ten participado en colectivas de arte "Iconos" e "Artnatura", en recitais a poetas como Uxío Novoneyra, María Mariño, e na performance Palabra en movemento.
Obras: Nas aforas; Raizame vexetal; Vestíbulo da devastación; Unicrom; Sétimo andar.
Gustavo Docampo aportou esta referencia dende O Barco.
Vid: Fonte

23 febrero 2011

ALEJANDRA ULLOA SOTELO

Natural de Ourense. Esta muller fai o legado máis importante á Institución de Horfos de Ourense. Era viúva de Don Antero Rubín Homent. Outorga en tetamento en favor do Asilo de Nenas Horfas as propiedades que tiña e entre as principais estaba a casa na rúa Espada nº 29. Esta muller falece no 1966. Indicou no testamento que a educación que se debía dar ás nenas tiña que ser eminentemente relixiosa. Vid: HERNÁNDEZ FIGUEIREDO, J.R., Las hijas de la Caridad en Ourense. Beneficiencia y enseñanza (siglos XIX y XX), Deputación Provincial, 2007, p.326.

22 febrero 2011

ANA MARÍA CRESPO QUEVEDO

Naceu en O Barco en 1956. É pianista e profesora da ONCE. Comezou os seus estudos musicais ao nove anos, primeiro no Real Conservatorio de San Sebastián, despois no de Madrid, onde obtivo a titulación superior de piano. Foi preparada, á súa vez, para acceder ao Conservatorio nos colexios do ONCE, cuxa Entidade a becó durante tres anos para perfeccionar os seus coñecementos musicais con Carmen Díez Martín Martín e Ricardo Requejo. Aos 22 anos pasou, por oposición, a formar parte da Agrupación de Música de Cámara do ONCE (Sexteto), como pianista e directora da mesma. Con ela, deu numerosos concertos ao longo da xeografía española, en distintos Centros madrileños e en parte de Portugal (Lisboa e O Porto). Desde 1984 ofrece concertos como solista por todo o territorio español, e desde 1986, forma parte do persoal do ONCE en calidade de músico profesional (concertista de piano), colaborando así na difusión das actividades artísticas desenvolvidas polo ONCE, que presta este tipo de servizos dunha maneira gratuíta e desinteresada, co fin de dar a coñecer as actividades artísticas dos cegos. En 1987 e 1989, participou como artista convidada no Festival Nacional promovido pola ANCI, Asociación Nacional de Cegos de Cuba, dando diversos recitais. Esta referencia aportouna Gustavo Docampo dende O Barco Vid: Curriculo. ONCE

20 febrero 2011

SOR RAMONA CAO FERNÁNDEZ

Naceu en Fontey- Rúa de Valdeorras (Ourense), o 11 de setembro de 1883. Ingresou na Compañía Hijas de la Caridad o 11 de xaneiro de 1901. O seu destino como enfermeira foron o Hospital de mulleres Incurables de Madrid, o Hospitagl militar de Sevilla e finalmente o Sanatorio antituberculoso "O Neveral" de Xaén. Destacou polo seu celo apostólico, a súa compaixón e sensibilidade ante a dor dos pobres enfermos, a súa piedade e a súa devoción ao Señor crucificado. Morreu aos 53 anos, tamén como a súa compañeira de martirio, por levar o rosario de Filla da Caridade escondido baixo o seu vestido de enfermeira. Martirio.- Expulsadas do sanatorio do Neveral, foron detidas e calumniadas de roubo en Xaén. Ao ser xulgadas non se puido probar a acusación e foron postas en liberdade, pero non atoparon lugar de refuxio naquela cidade e víronse obrigadas a trasladarse a Madrid nun tren cheo de presos políticos. A pesar de sentir medo, antes de renegar da súa fe, subiron ao tren en Alcázar de San Juan, no medio de insultos e un tumulto feroz. Ían vestidas de enfermeiras da Cruz Vermella pero conservaron o seu rosario de Fillas da Caridade debaixo do uniforme de enfermeiras. Este feito identificounas como Fillas da Caridade e foi a razón do seu martirio na matanza do chamado primeiro tren da morte. Ao ser sacadas do tren foron arrastradas polo chan, insultadas e finalmente fusiladas pola súa condición relixiosa no Pozo do Tío Raimundo, o 12 de agosto de 1936. Esta referencia aportouna Gustavo Docampo dende O Barco Vid: http://www.vincenziani.com/cortesbueno.htm

Nun Congreso Virtual sobre Historia de las Mujeres, Don Jesús Medrazo Pérez, expón, de xeito detallado, o labor das Hermanas de la Caridad entre as que cita a Sor Ramona Cao. Farei aquí un pequeno resumo:
Ramona estaba decidida a ser Filla da Caridade e cos seus 17 anos solicitou o ingreso na Compañía, sendo recibida por Sor Cayetana da Sota, Visitadora Provincial. Enviárona como postulante para facer a proba ao
Hospital da venerable Orde Terceira Franciscana, situado xunto á Igrexa de San Francisco o Grande en Madrid. Os superiores asignaron a Ramona Cao un hospital pequeno, pobre, con estilo familiar e próximo para a relación cos enfermos, porque ela tiña experiencia doutro hospital pequeno de Astorga. Superados o tres meses de proba ou postulado, ingresou no seminario e quedou inscrita na Compañía das Fillas da Caridade o 11 de xaneiro de 1901.
Aproveitou moi ben o seu tempo de formación no seminario e adquiríu coa axuda da súa Directora Sor Cecilia Álvaro e das súas colaboradoras entre as que estaba Sor Xusta Domínguez, a espiritualidade vicenciana propia dunha Filla da Caridade.
Cumprido o tempo do seminario, Sor Ramona Cao foi destinada polos superiores ao Asilo Hospital de Jesús Nazareno en Madrid, rúa Amaniel, nº 11, para mulleres incurables. Era o mes de xullo de 1901. Foi o primeiro Hospital atendido polas Fillas da Caridade en Madrid, e do que se fixeron cargo en 1816. Esta fundación realizouse por expreso desexo do Sr. Patriarca das Indias e do Arcebispo de Toledo, cando Madrid aínda pertencía á diocese de Toledo. Alí preparouse con esmero a ratificar e selar a súa entrega a Deus para o servizo dos pobres polos votos. O día 2 de febreiro do ano 1906, festa da Purificación e Ntro. Señora, emitiunos por primeira vez na capela da Casa Central da rúa Jesús, moi cedo , tal como entón era uso da comunidade e, ano tras ano, renovounos até a súa morte en 1936.
De Madrid pasou destinada á comunidade do Hospital Militar de Sevilla en 1922, motivado pola apremiante necesidade de Irmás enfermeiras para atender aos soldados feridos na guerra con Marrocos, entre 1909 e 1927, na que estaban implicadas as cidades de Ceuta e Melilla. En 1921, o desastre foi total. O xeneral Fernández Silvestre, á fronte das tropas españolas, perdeu a vida e pereceron máis de oito mil soldados no derrubamento da liña española de penetración. Outros moitos quedaron feridos con necesidade urxente de atención sanitaria.Unha Real Orde do 19 de decembro de 1921 dispuxo que en todos os hospitais militares da península, Baleares e Canarias, se establecese o servizo das Fillas da Caridade. A Raíña insistiu en pedir Irmás para todos os hospitais militares do Reino. O Sr. Olaguer Feliz, ministro de Guerra, ordenou o establecemento dunha Escola de enfermeiras para preparar a todas as Irmás. Unha Real Orde de 20 de maio de 1922 dispuña que se crease no Hospital Militar de Carabanchel, con carácter permanente, unha Escola de enfermeiras para todas as damas que prestaban os seus servizos nos hospitais militares Os estudos habían de ser segundo o Regulamento Programa da enfermeira de San Vicente de Paúl, aprobado por Real Orde de 24 de xuño de 1922. Sor Ramona obtivo o seu título oficial de enfermeira primeiro e practicante despois, xa en Sevilla, dentro deste movemento de promoción de todos os Hospitais Militares.
O seu último destino en 1935 foi o sanatorio antituberculoso do Neveral en Xaén, ao comezo da fundación. A comunidade estaba formada por Sor Benvida Fermoso de Mendoza, como Irmá Servente, sor Joaquina
Ramírez López, Sor Juana López e Sor Ramona Cao. Provisionalmente, para axudarlles, xa que coñecía ben o ambiente de Xaén, estaba con elas Sor Basilia Arco da comunidade do Hospicio de mulleres de Santa Teresa de Xaén. A aceptación do seu destino ao Neveral en Xaén no ano 1935, como acto de obediencia, era custoso para ela e para os seus. A súa nai mostrouse moi preocupada. Xa destinada en Xaén, escríbelles desde O Neveral unhas breves liñas, nun cartón postal, resposta á angustia e preocupación que manifestaban os seus nas súas cartas. Naquela época os sanatorios antituberculosos non os quería ninguén, xa que os que padecían a tuberculose eran como persoas apestadas, con moito contaxio. As Irmás alí vivían illadas, sen máis medio de comunicación que un camiño forestal de terra. Polo pouco tempo que levaban, polo illamento e por tratarse de enfermos de fóra, as Irmás non coñecían a ninguén en Xaén que as recibise nas súas casas.
Esta seguridade de gozar como don de Deus as grazas e forzas necesarias nas probas, acompañouna até a morte, sufrida o 12 de agosto de 1936, cando tiña 52 anos de idade e 35 de vocación. A expulsión da comunidade obedecía a unha decisión da Fronte Popular que estaba instalado no palacio episcopal. A últimos de xullo de 1936, a superiora do sanatorio de O Neveral de Xaén, Sor Benvida Fermoso de Mendoza e Osés, baixou á cidade a preparar o refuxio das Irmás prevendo a próxima expulsión. Dúas Hermanas trasladáronse á comunidade da Gota de Leite, situada nos sotos do edificio da Deputación Provincial e as outras dúas, Sor Ramona e Sor Juana, baixaron ao día seguinte custodiadas por dous policías porque, segundo lles dixeron, estaban acusadas de subtraer cubertos de prata e algunhas pezas de tea do sanatorio. Os dous policías rexistraron as maletas e convencéronse da falsidade da calumnia. Alí, na Cociña
Económica, tampouco podían estar, xa que a casa fora incautada polos milicianos da Fronte Popular.
As 72 Hermanas de Xaén foron expulsadas e quedaron todas as comunidades disoltas. Algunhas puideron escapar buscando refuxio en Almería, Valencia, Barcelona ou outras cidades e pobos de España. Outra, Sor Pilar Canteiro Galego, moza que aínda non emitira os votos, non puido saír de Xaén e tivo que buscar até sete refuxios diferentes, e finalmente colocarse como servente doméstica para salvar a súa vida.

Vid: MEDRANO PÉREZ, Jesús, Las Hijas de la Caridad en Jaén. Dos historias de vida y martirio, en IªCongreso Virtual de Historia de las Mujeres, http://www.revistacodice.es/publi_virtuales/i_con_h_mujeres/documentos/comunicaciones/comuMedrano.pdf

CONCHA FERNÁNDEZ

De novo Gustavo Docampo contribúe a enriquecer este blog de mulleres e faime alusión a Concha Fernández (A Veiga de Cascallá, 1970). Doutora en Psicoloxía Social e Política pola USC. Premio Extraordinario de Doutoramento no ano 2001. Profesora de Formación Profesional Específica de Servizos Socioculturais e á Comunidade. Autora de diversos capítulos de libros e artigos en revistas especializadas de psicoloxía social e política sobre movementos sociais e acción colectiva como: “Los movimientos sociales y la creación de un sentido común alternativo” (1998); “Los movimientos sociales: discurso y acción política” (1998) e máis recentemente sobre construción social da protesta e marcos de acción colectiva, entre outros: “Redes sociales y marcos de acción colectiva” (2000), “Identidad social, valoración política y movilización colectiva en un contexto supranacional” (2000) e “Do descontento á acción. A construción social da protesta campesiña en Galiza” (Xerais 2004). Vid: http://www.xerais.es/cgigeneral/ficha_autor.pl?id_autor=100007815&id_sello_editorial_web=13

REMEDIOS GACIO VÁZQUEZ

O Asilo de Horfos da provincia contou coa doazón de Remedios o que facilitou a consolidación desta Institución. Remedios Gacio outorga en 1934 testamento a favor do Asilo legando o local da tenda da familia. Estas doazóns son mostra do aprezo pola tarefa desempeñada encamiñada á protección da infancia pobre e desvalida de Ourense. Dende O Barco, información facilitada por Gustavo Docampo. Vid: Hernández Figueiredo, J.R., Las Hijas de la Caridad en Ourense. Beneficiencia y enseñanza (siglos XIX e XX), Deputación de Ourense, 2007,p.325.

19 febrero 2011

MARÍA PRADA GONZÁLEZ

María naceu en O Barco no ano 1982 e traballa en Bruselas como Diplomática convertíndose na muller máis nova que accede a dito cargo. Estudou tradución e interpretación en Vigo. Posteriormente preparou as oposicións tan duras de Diplomática sendo nomeada polo Rei Juan Carlos I. En Bruselas representa a España ante a Unión Europea. Na actualidade é Conselleira adxunta no Coasi (que se ocupa de Asia-Pacífico). Dende O Barco, información facilitada por Gustavo Docampo. Vid: La Voz de Galicia

18 febrero 2011

MARISA FERNÁNDEZ ORTIZ

Naceu en O Barco no ano 1980. Marisa estudou na Universidade de París e é unha face coñecida por ser a reporteira da cadea de televisión Cuatro do programa Callejeros. Comezou os seus primeiros pasos na radio Onda Cero. Información facilitada por Gustavo Docampo. Vid: http://www.cuatro.com/callejeros/reporteros/marisa-fernandez/

MATILDE OLARTE MARTÍNEZ


Matilde naceu en O Barco no ano 1964. Publicou varios libros e artigos en revistas especializadas e imparte docencia na Facultade de Xeografía e Historia en Salamanca. Está especializada en musicoloxía histórica onde leva a cabo importantes proxectos de investigación. Os seus coñecementos tamén os trasmite por medio de conferencias impartidas.

17 febrero 2011

JUANITA PINTADO

De novo volvemos a Valdeorras e outra información facilitada dende alí por Gustavo Docampo fala desta muller tan representativa. Naceu no Barco de Valdeorras no ano 1913 e era poeta e xornalista. Emigrou a Arxentina no ano 1924 e alí casou con Juan Carlos Morelli, director de Turismo e Parques da provincia de Bos Aires. En 1952 o matrimonio trasládase a Punta del Este en Uruguai onde crean o Hotel Gorlero nun edificio emblemático desa cidade. A súa filla é directora do Festival de Cine de Punta del Este. Vid: Juanita Pintado, La Región Entrevista realizada pola súa filla Alejandrina Morelli

PILAR CID CASTRO

Esta muller inqueda naceu en Acebedo do Río. Era filla de labradores pero o seu afán de superación fixo que realizase o ingreso no Instituto Provincial para logo acceder á Escola Normal de Mestras de Ourense onde rematou os estudos. Estivo exercendo de mestra no pobo de Santa Eufemia e aos vintecatro anos fai o ingreso na Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago onde se licencia. Vid: Cid Galante, R., Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese inédita. Cid Galante, R. e Benso Calvo, C., “Los expedientes de las estudiantes de bachillerato: una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)” Historia de la Educación, 26, 2007, pp. 437-470. Cid Galante, R. "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria", Revista Minius.

16 febrero 2011

ANXELES RODRÍGUEZ FERRER

Outra información proporcionada por Gustavo Docampo dende O Barco é sobre Ánxeles Rodríguez. Naceu en Vilamartín no ano 1957. Dende pequena dedícase a debuxar e a pintar e considérase autodidacta. Realiza un ano na Escola de Artes "Mestre Mateo" en Santiago. Realizou numerosas exposicións e foi ilustradora de numerosos libros infantís. Sería seleccionada pola Consellería de Cultura para a Feira do Libro de Bolonia en 1997 e 2003 e preseleccionada para a lista de honra do IBBY polo seu conto "Os señores meses". Foi ilustradora invitada na revista Clij en 1996. É socia do Agpi. Vid: www.galegos.info/anxeles-rodriguez-ferrer

XULIA ALONSO DÍAZ


Non hai nada mellor que contar con amigos para enriquecer o blog. Neste caso debo mencionar a Gustavo Docampo quen, dende O Barco, envíame unha riquísima información sobre mulleres interesantes da zona de Valdeorras. Neste caso mencionamos a Xulia Alonso Díaz que naceu en A Rúa, en 1961 e cursou bacharelato e COU no Colexio Paulo VI da súa vila natal. En 1979 vai a Santiago de Compostela onde realiza os estudos de Psicoloxía. En xaneiro de 1981 comeza a traballar como auxiliar administrativo na Xunta de Galicia, onde desenvolve o súa actividade laboral ata setembro de 2008. Publicou o libro titulado Mundo imperfecto onde se relatan experiencias vividas.

14 febrero 2011

JULIA BOUZA IGLESIAS

Julia naceu en Ourense o 11 de decembro de 1917. No ano 1939 fai o ingreso na Facultade de Farmacia de Santiago de Compostela e estudará catro cursos licenciándose en 1942. Como unha gran parte das alumnas universitarios, Julia realiza os estudios pola opción combinada, isto é, uns cursos matricúlase por libre, non asistindo ás clases de maneira presencial, e outros cursos realízaos por oficial. Pensemos que a mentalidade da época aínda non asimilaba que se compartiran espazos de forma mixta. Vid: Cid Galante, Rosa María, "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria", Op.cit.

12 febrero 2011

MARIA JOSÉ ALVES MARTINS FERNÁNDEZ

O outro día tiven ocasión de revisar un libro que me pareceu interesante, tratábase do libro titulado Tiberio Ávila, un ourensán de Viana escrito por Manuel Carrete Rivera e Xulio Cougil. Pois ben, este libro céntrase na figura de Tiberio, artista nacido en 1843 en Viana do Bolo, que estudou na Academia de San Fernando becado pola Deputación e que logo se trasladou a Barcelona para impartir clases de Bellas Artes. Pois ben, el foi un dos creadores do Centro Galego en Barcelona, do que foi logo presidente. Este libro ten un capítulo deicado a "Ourensás en Cataluña" onde se fai mención de María José Alves. A María José coñecíaselle coma Pepita, naceu en Lisboa en 1933. Era filla do músico ourensán José Fernández González que era de Grou e que emigrara cara Lisboa na primeira década do século XX onde ao pouco tempo casaría cunha lisboeta nacendo deste matrimonio María José. A familia de María José viña frecuentemente a Galicia. En 1950 Pepita trasladouse a vivir a Ourense e inscribiuse na Academia de "Estudios Galicia" da que era director D. Albino Núñez Domínguez, onde recibirá clases de D.Alberto Vilanova e será examinada de reválida por Don Manuel Otero Pedrayo.
No 1957 trasládase a vivir a Barcelona e alí atopa traballo como química especializada en análises microbiolóxicos e tamén se fai socia do Centro Galego (socia nº 2 de mulleres). Foi redactora da revista "Alborada". Esta ourensá-lisboeta tiña unha gran biblioteca de máis de dous mil libros, coleccionista de selos e moedas, garda e custodia do material da entidade do Centro Galego. Na actualidade retornou a Ourense.
Vid: CARRETE RIVERA, M. e COUGIL, X., Tiberio Ávila un ourensán de Viana, Deputación Provincial de Ourense, 2010, pp. 177-179. Foto, idem.

11 febrero 2011

RAMONA DEL VILLAR TABOADA

Dona Ramona pertencía á prestixiosa liñaxe galega dos Reinoso. A familia dos Reinoso, hoxe desparecida, era potente e moi coñecida no Ourense do século XVIII. Esta familia posuía na nosa provincia varios pazos como o Pazo da Casa Grande de Canedo, preto de Ourense, o pazo de Lodeiro, preto de O Carballiño, e o de Cornoces en Amoeiro. Dona Ramona constituiuse en benefactora doas Fillas da Caridade na nosa cidade. Grazas ao seu celo e xenerosidade logra que se estableza esta Congregación no pazo da parroquia de San Martiño de Cornoces a fin de dirixir unha Escola pública para nenas pobres. Dona Ramona lega boa parte das súas rendas e bens, entre as cales figura a casa situada no número 32 de Santo Domingo da capital da provincia, ás Fillas da Caridade as que impartirían clases aos nenos pobres da cidade a partir de 1896.
A fotografía foi cedida polo meu inestimable amigo Rafa Salgado, imprescindible o seu blog para a historia da nosa cidade. Vid: HERNÁNDEZ FIGUEIREDO, J.R., Las Hijas de la Caridad en Ourense. Beneficiencia y enseñanza (siglos XIX y XX); Deputación Provincial de Ourense, 2007, pp. 225-227.

08 febrero 2011

BERTA ARES


Naceu en Sobradelo de Valdeorras en 1955. Realizou cursos de gravado caleográfico, estampación caleográfica, procesos aditivos serigráficos e procesos fotosensibles. Foi bolseira da Castellana de Pintura 2000. Participou en diferentes talleres e expuxo en Galicia, España, Portugal, EEUU. A súa obra figura en diferentes institucións. Vive e traballa en Vilagarcía de Arousa.
Vid: Enciclopedia Gallega, tomo 37.

07 febrero 2011

LUÍSA GONZÁLEZ CUDEIRO

Naceu en Ourense. A súa familia sufriu unha terrible represión por acoller a fuxidos, padecendo a morte do pai e malostratos así como encarceramentos dende 1936. Os seus irmáns foron procesados e absoltos en 1937. Vid: http://www.vitimas.nomesevoces,.net/

CAROLINA REGUEIRAS

Naceu en Amoeiro. Matárona en 1937 dándolle dous tiros na testa. Vid: http://www.vitimas.nomesevoces.net

ANTONIA RODRÍGUEZ LÓPEZ

Antonia era irmá de "Chelo" pertencentes a unha familia republicana. Os seus pais foron fusilados e os seus catro irmáns morreron na guerrilla antifranquista. Foi enlace e despois combatente na 1ª Agrupación da Federación de Guerrillas León-Galicia. Morreu o 7 de setembro de 2012 en París onde vivía dende que se exiliou en 1948. Como indica Aurora Marco "A diferenza da súa irmá Chelo, Antonia nunca quixo ir armada. Era unha muller valiente que se encargaba da intendencia, de transportar armas, de avisar dos perigos". Continúa contando Aurora Marco no seu libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega , as irmás pasaron ao campamento dos maquis chamado Cidade da Selva. Cando no congreso de intento de reunificación dos socialistas e comunistas chegou a Garda Civbil as irmás conseguirson fuxir e en 1947 separáronse. Antonia foi a Asturias e reuniuse con César Ríos e embarcou a Francia. Os comezos foron difíciles pois non tiñan papeis e De Gaulle non quería acoller a españois fuxidos. Logo xa normalizaron a súa vida. Antonia tivo unha filla que é profesora de Español.

Vid: http://www.vitimas.nomesevoces.net
Marco, A.  Mulleres na guerrilla antifranquista galega , Laiovento, 2011.
Foto: El País, 16 de setembro, 2012.

CONCEPCIÓN FERNÁNDEZ CADÓRNIGA


Naceu en Rubiá en 1879. Apareceu morta aforcada na súa casa máis todo conduce a que estaba perseguida. Tiña 60 anos.

CARMEN FERNÁNDEZ


Naceu en Sandiás, sofre malleiras e é detida e encadeada sen proceso xudicial. Estivo no cárcere en Ourense e en Madrid. O seu home fuxiu e tivo dous fillos que foron guerrilleiros, un deles, Perfecto de Dios foi fusilado.

ANUNCIACIÓN CASADO ATANES "A PASIONARIA"


Naceu en Cualedro en 1887. Foi unha salientable oradora e organizadora sindical. Era responsable do Partido Comunista en España na comarca do Bolo. En 1932 dedicouse a actividades propagandísticas entre os traballadores do ferrocarril da liña A Gudiña e Vilar de Barrio. Foi fusilada en Viana do Bolo en 1936.
Vid: Gran Enciclopedia Gallega, tomo 37.

ERUNDINA ÁLVAREZ PÉREZ

Natural de Ourense, foi executada o trinta de setembro de 1936. A ourensana Erundina Álvarez vivía na rúa Liberdade no casco vello da cidade, ata que un mal día a Garda Civil entrou no seu domicilio en busca dun coñecido opositor ao réxime. Encontrárono e por escondelo e tido sido axudado, Erundina foi arrestada e fusilada no Campo de Aragón o 30 de setembro de 1936, baixo as ordes do comandante militar provincial Luis Soto Rodríguez.

Vid: http://www.dpou.es/represion/
http://www.victimas.nomesevoces.net/

EMILIA ÁLVAREZ INCÓGNITO

Naceu en Reádegos, Vilamarín. Morreu o sete de agosto de 1937 por fractura da columna vertebral. A causa da súa morte foi por tortura cando a levaron ao "paseo". Vid: http://www.vitimas.nomesevoces.net

SIRA ÁLVAREZ GARCÍA

Naceu en Vilardevós e foi detida cando tiña 38 anos. A detención foi debida a causa militar aberta na Coruña e posta a disposición do Gobernador Civil. Vid: http://vitimas.nomesevoces.net

MARÍA ALONSO SÁNCHEZ

Naceu en A Rúa e foi xulgada en Ourense en 1939 por increpar ao exército e foi sobreseída.

EUDOSIA ACUÑA GÓMEZ

Naceu en San Cristovo de Regodeigón, Ribadavia. Foi xulgada aos 39 anos por insulto á forza armada con resultado de sobresemento. Outra muller represaliada por defender os seus ideais. http://vitimas.nomesevoces.net

MARÍA XOSÉ BARJAS CORTÉS "MAXO BARJAS"


Naceu en Ourense en 1966. É licenciada en Filoloxía Hispánica pero tamén é actriz, coñecida co nome Maxo Barjas. Traballa no eido do teatro acadando unha notable experiencia no Centro Dramático Galego, Teatro do Atlántico e Teatro do Morcego. Tamén é dobradora tanto en galego como en castelán, especialista en canto, colaborando con Emilio Cao. Foi presentadora na TVG de programas diversos.
Vid: Gran Enciclopedia Gallega, tomo 37.