Etiquetas

21 noviembre 2010

ELADIA RAMONA PEDRAYO ANSOAR

Eladia Ramona Pedrayo Ansoar, naceu o 18 de febreiro de 1859 en Ourense. Nesta mesma cidade morrerá un 4 de febreiro de 1957 con case 98 anos. 

Eladia tiña dúas irmás. Lucila, a máis nova, naceu en 1862 e morreu o 5 de febreiro de 1946. Casara con Casiano Martínez Blanco e tiveran seis fillos. 

A outra irmá de Eladia chamábase María de las Nieves Gabriela Vicenta. Naceu o 5 de agosto de 1857 e morreu o 13 de decembro de 1945. Casou con Ángel Franches Pérez e non tiveron descendencia. Franches será quen se encargue de todas as cuestións familiares e convértese nun referente masculino durante a primeira mocidade de Otero, pois coa perda en 1904 do pai é o único home nunha familia de mulleres, xa que Casiano morrera en 1903 e o seu tío Ricardo está lonxe. 

Pedrayo non chegou a coñecer a súa avoa materna. Chamábase Antonia Ansoar e morrera en 1864 con 38 anos, a súa filla Eladia convértese en orfa cando apenas tiña seis anos. O pai de Eladia, Ramón Pedrayo Silva, farase cargo da familia até a súa morte o 3 de maio de 1899 cando contaba 77 anos. Era o padriño de bautismo de Ramón Otero Pedrayo a quen este debe o seu primeiro e máis coñecido nome. Este avó exercía como avogado no número 17 da praza Maior de Ourense. En 1844, comeza a súa dedicación á avogacía. Logo, en 1867 era o decano da Xunta de Goberno do Ilustre Colexio de Avogados de Ourense. 

A figura do avó Ramón Pedrayo inflúe decisivamente na vida académica do noso autor. En 1905, sendo xa alumno da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade Central de Madrid, matricúlase en Dereito porque así llo pedira súa nai que procedía dunha familia de escribáns, notarios e avogados.

En 1916  Otero preparou as oposicións para catedrático de instituto pero non tivo éxito e nese intre pensa en seguir os consellos maternos  e prepararse para notario. Máis, finalmente, tres anos despois supera as duras probas e logra converterse en profesor de instituto. 

Despois da morte de Enrique Otero, a nai de Otero Pedrayo contará durante un ano e medio, xustamente até o 5 de setembro de 1906, coa axuda e compañía da súa sogra, Vicenta Sotelo Puga. 

Vicenta era unha muller forte e afeita á vida na aldea. Naceu en 1816 no lugar de Vilar do Monte, parroquia de Santa Baia de Aguada, no concello de Carballedo, na provincia de Lugo, e pasou case toda a vida na casa de Trasalba. Entre elas estableceuse unha sólida relación. 

Tras a morte de Vicenta, Eladia instálase definitivamente na aldea e asume o goberno da casa. Estas dúas mulleres, fundamentais na adolescencia de Otero Pedrayo, representan o traballo duro e a decisión e son con toda seguridade o referente inmediato á hora de trazar a figura de dona Ramona, a protagonista de Os camiños da vida. 

A temperá viuvez da nai e o feito de ser Otero Pedrayo fillo único, semellan constituír os dous piares principais nos que se cimenta unha relación de mutua dependencia. Otero xa casado (casara con Josefina Bustamante en 1923) e vivindo en Ourense acude frecuentemente a visitar á súa nai a Trasalba. A preocupación pola súa nai aumenta a medida que ambos envellecen. Nos últimos sete anos de vida de dona Eladia, Otero viaxaba case todas as fins de semana de Santiago de Compostela a Trasalba. Pero se a súa nai era un punto de apoio para Otero, terá outro fundamental na súa muller, Josefa Bustamante Muñoz.

Eladia era unha muller tenaz e resistente que empeñada en darlle estudos ao seu único fillo non lle importou pasar privacións. A nai de Otero farase cargo ata o seu falecemento de todos os asuntos da casa de Trasalba. Ramón Otero Pedrayo nunca ocultou a admiración que sentía polo traballo da súa nai e estaba orgulloso dela, cualificándoa en moitas ocasións de gran traballadora. 

Faleceu o 4 de febreiro de 1957





LUCÍA CASANOVA

Nacida en Ourense esta moza cursou estudos de Deseño e Moda na Escola Superior de Deseño e moda de Felicidad Duce en Allariz. Realizou tamén o Ciclo superior de Artes plásticas e Deseño de Estilismo na Escola de Allariz. Obtivo varios premios en certames diversos e traballou para Adolfo Domínguez e Pilar Bande.

20 noviembre 2010

ANA MARÍA LEGIDO SOTO

Naceu en Ourense o 21 de marzo de 1939. De ascendencia paterna castelá e materna galega, cursou Maxisterio na Escola Normal de Ourense, á vez que asistía a clases de debuxo na Escola de Artes e Oficios da mesma cidade, e de moi nova desenvolveu as súas inquedanzas artísticas. 

En 1960 casou co pintor Fernando Quesada e tiveron tres fillos con inclinacións artísticas. Ana impartía clases a nenos e nenas na escola pública o que influiría na súa pintura, cunha visión tenra e máxica da vida. 

Tras expoñer nas cidades galegas mosa a súa obra na Galería Durán de Madrid. A súa amizade co crítico de arte Castro Arines lévaa a ingresar no grupo "Inxenuístas de España" presidido polo doutor Vallejo Nájera, e participa en exposicións individuais e colectivas de pintura. Foi galardonada co Premio da Crítica e a súa obra repártese en importantes museos de Portugal, París, Italia, Cidade Real.

Faleceu en Sabarís o 9 de xullo de 2012.

Vid: Enciclopedia Gallega, Tomo 35, pp. 6-7.

MARÍA DEL CARMEN GONZÁLEZ BOÁN (MANÉ BOAN)


Naceu en Ourense e cursa estudos na Facultade de Química de Santiago onde se licencia. Asiste a clases de pintura na Escola de Artes de Ourense. A súa pintura reflicte claramente a relación da pintora coa química, estudos que cursou de tal xeito que experimenta con novas técnicas e linguaxes expresivas. A súa característica principal é a de experimentar cos metais como soportes de cromatismo, pátinas e texturas e que ela extrae empregando reaxentes químicos, pigmentos e pintura.
Realizou numerosas exposicións dentro e fóra de Galicia e obtivo premios importantes.

MARÍA PUERTAS FEIJOO-MONTENEGRO


Naceu en Ourense no ano 1973. Cursa estudos na Escola Superior de Arte e Deseño de Ourense. Realizou numerosas exposicións dende o ano 1999 ata os nosos días en Ourense, resto de Galicia e en Portugal. Tamén realiza ilustracións de libros, poemarios, catálogos, etc. Acadou varios premios en diferentes lugares da xeografía española. É unha artista moi dinámica e prolífica, cunha técnica polivalente.

ELENA MALLEIRA


Naceu en Ourense no ano 1970 e no ano 1993 licenciouse en Bellas Artes en Salamanca. Actualmente é profesora na Escola de Artes Antonio Faílde dende o ano 1997. Foi deseñadora de cristal e cerámica en porcelanas Galos entre 1995 e 2002. Realizou interesantes exposicións en solitario e colectivas por Galicia. En 1999 foi seleccionada en Pintura Sala de Arte Valentí (Barcelona).

14 noviembre 2010

ADRIANA DOMÍNGUEZ


Naceu en Ourense no ano 1978 e é a filla do deseñador Adolfo Domínguez. Pero ela brila por méritos propios, unha muller cosmopolita, viaxada e políglota pois fala cinco idiomas. Viaxou moito dende que era unha nena e estudou en Nova York, pero antes de desprazarse alí asistiu ao teatro de Lee Strasberg, ao Stella Adler e ao HB Studio. É membro activo de HB Studio. Traballou como atriz nas seguintes películas:
"El puente de San Luís Rey"
"El regalo de Silvia"
"Noviembre"
"El sueño de Ibiza"
Na actualidade é presidenta executiva da firma de moda de Adolfo Domínguez. Xunto coas súas irmás Valeria e Tiziana rexen a empresa e ofrecen unha moda moderna, atemporal, minimalista e sobria.
Adriana relanzou a empresa cun compromiso co medio e co consumo responsable. 

https://es.wikipedia.org/wiki/Adriana_Dom%C3%ADnguez