Etiquetas

22 octubre 2010

CARMEN MALINGRE LUDEÑA

É para min unha satisfación contar coa colaboración de Ana Malingre. Ana proporcionoume información sobre Inés Ludeña e agora faino, de novo, informándome de Carmen Malingre Ludeña. Estoulle moi agradecida.
 
Pois ben, Carmen Malingre Ludeña rexentaba a comezos de século un Almacén de carbóns. Ten o seu mérito, pois era algo inusual que unha muller levara adiante un negocio deste tipo. 

Carmen Malingre era filla de Inés Ludeña e Manuel Malingre Parmantier. Polo tanto, era membro dunha saga de recoñecido prestixio na cidade ourensá.

Carmen casou o 7 de febreiro de 1898 con José Freijanes, empregado da sección agronómica. Ao quedar viúva e ante a texitura de continuar co negocio familiar ou pechalo, optou polo primeiro. Deste xeito seguiu exercendo de dirixente do Almacén de Carbóns que se situaba na rúa Progreso. Dito negocio anunciábase diariamente na prensa local. Negocio que tivo unha permanencia durante os anos trinta do século pasado.

Era a nai de Julio Freijanes Malingre, o primeiro médico que aplicou a Penicilina en Ourense, e sogra de Paz Parada Pumar, quen está presente neste blog por ser unha das primeiras tituladas en medicina na nosa provincia.

                                   

(Fonte: La Región, 9 de novembro de 1922, p. 3) Galiciana.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes) Vid: La Correspondencia Gallega, 8 de febreiro de 1898, p. 2) (Foto: proporcionada por Ana Malingre)