Etiquetas

31 octubre 2010

ELSA FERNÁNDEZ


Introducimos a Elsa Fernández por ter as súas raíces en Ourense. Elsa Fernández nace en Bos Aires en 1933, era filla de emigrados de Entrimo. Dende pequena mostra unha gran vocación musical, estudando piano. Dende moi nova traballa como administrativa no Centro Gallego, onde tratará con figuras da colectividade coma Luis Seoane ou Eduardo Blanco-Amor, co que chegará a ter unha grande amizade. Ademais das súas tarefas estritamente profesionais, colaboraba con AGUEA (Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas, que estivo en activo entre o 1956 e o 1959), e axudaba a Seoane con Galicia Emigrante, realizando subscricións, envíos e demais. 

Sempre disposta a colaborar coas institucións da colectividade, tamén foi secretaria de progaganda da Comisión de Damas do Hogar Gallego de Ancianos. Elsa tivo un papel sobranceiro dende o primeiro momento na Asociación Argentina de Hijos de Gallegos, creada en Bos Aires o 29 de outubro de 1959, e na que figura como membro fundadora e vogal suplente da primeira xunta directiva.  adiante, no 1962, figurará coma presidenta. A asociación trataba de agrupar á segunda xeración de galegos residentes na Arxentina e entre as actividades que organizaron destacan os cursos de galego, un seminario de estudo sobre Sempre en Galiza de Castelao, a edición do libro de Ramón Piñeiro, traducido ao castelán Dos ensayos sobre la saudade, e a publicación da revista Alén Mar. Tamén tivo protagonismo en “Follas Novas- Feira do livro galego”. Esta era unha iniciativa creada por Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda o 15 de xullo de 1957, dedicada á difusión do libro galego en América. Follas Novas mantiña vitrinas en institucións galegas da capital arxentina, imprimía catálogos e divulgaba a súa actividade a través da prensa e a radio. Funcionaba como feira permante sobre a actividade bibliográfica galega, e a partir de 1960 tamén publicou varios títulos. Elsa Fernández participa da iniciativa dende o primeiro momento, e mantén amizade co Neira Vilas e Anisia Miranda. De feito, esta déixalle o seu vestido de boda cando Elsa casa con Alberto Cabrera e tamén regálalle o “Pepón”, un “boneco fazuleiro vestido de galego”. 

Dende a marcha a Cuba de Neira Vilas e Anisia en xullo de 1961, Elsa Fernández encárgase da dirección de Follas Novas, representando as editoras galegas Galaxia e Bibliófilos Gallegos. Relacionado coa difusión do libro galego, Elsa tamén xestionou un breve espazo radial, emitido por Radio Excelsior, chamado Mirador Bibliográfico Galego, no que lía textos sobre libros galegos.Ademais da actividade a prol da cultura galega, Elsa Fernández dedicouse a escritura cunha obra na que se reflicte constantemente a súa dobre condición de arxentina e galega. Un exemplo desta temática podería ser “¡La tierra de mis padres!”, un texto que lle valeu o segundo posto do Premio “Emilia P. Bazán” do Centro Lucense en 1958: “Galicia no es un paisaje para mí, tampoco es una historia, una geografía, un país. Galicia es mi paisaje, mi historia, mi geografía y mi país; y por ello como argentina soy más argentina entroncando mi raíz gallega en este asunto, confirmando mi ascendencia en esta América y formándome una conciencia nacional más cabal a través de mi pasado.”Colabourou con moitas das publicacións da colectividade de Bos Aires e Rosario de Santa Fe. Na revista Vieiros, publicación do padroado da cultura galega de México, publicou un artigo titulado “A poesía Galega dun poeta american”, no que trata do poeta José González Carbalho, que coma ela, era fillo de emigrantes galegos na Arxentina.

Na súa faceta de poetisa a súa obra en galego Escolma foi finalista no concurso organizado polo grupo “Brais Pinto” de Madrid no ano 1961. O seu único libro foi Lonxanía (1965), un libro póstumo no que se recolle o poemario anterior e mais un feixe de poemas inéditos escritos en 1964, en galego, “Cantiga infinida” , e en castelán, “Cancións para meu neno”, poemas para o seu fillo de curta idade Na edición de Lonxanía – seudónimo co que se presentara ao premio Brais Pinto- colaboraron Luis Seoane, que debuxou a cuberta e fixo un gravado en madeira que foi incluído na edición; Laixeiro, autor dun retrato de Elsa, e tamén Ricardo Palmás, Carlos Zubillaga e Basilo Losada que escribiron prólogos de lembranza dos seus traballos en defensa da cultura galega. 

Elsa faleceu moi nova, o 29 de abril de 1964, con só trinta anos, e sen poder visitar a súa Galiza soñada. Os seus restos foron inhumados no Panteón do Centro Gallego o 30 de Abril sendo despedidos con sentidas frases pronunciadas por José Romero a nome dos seus compañeiros de tarefas do Centro Gallego, e cun discurso de Eduardo Blanco Amor, que pediu persoalmente poder falar na celebración. Antonio Pérez Prado, compañeiro na Asociación Argentina de Hijos de Gallegos escribiu anos despois: “Entre las cosas que nunca podré aceptar figura, ciega, su muerte; entre lo que siempre me lastimará reconozco la pena de que Elsa no haya visto, con aquellos ojos tristes, la Galicia de sus antepasados”.

Foto: idem

28 octubre 2010

ROSA MALINGRE PARMANTIER

De novo contamos coa inestimable aportación de información por parte de Ana Malingre. Neste caso falamosde Rosa Malingre Parmantier que era irmá do empresario Manuel Malingre Parmantier.Veu a Ourense co seu irmán en 1860. 
Naceu en 1841 e casou con Gosset e en Ourense dedicábase a dar clases de francés na súa casa situada na rúa Santo Domingo. 
Pero ela tiña o título de comadrona e fora discípula do doutor José Morelle. Exerceu a súa profesión e tiña unha consulta en Madrid na Rúa Río, númeo 24 (1). Tamén formaba parte da Xunta Directiva do Colexio de Profesoras de partos. Rosa, xunto con outras profesoras de partos, foi recibida polo Ministro de Facenda para dar queixa dos cobros que se lles pedía ás maestras comadronas (2). 
Así pois, estamos ante unha muller con preparación intelectual. 
Faleceu o 16 de outubro de 1925, tiña 84 anos e está enterrada no cemiterio de San Francisco.

(Fonte: La Región, 17 de outubro de 1925, p. 5) Galiciana.

(1)El Imparcial, 25 de setembro de 1870, p. 4.
(2) El Liberal, 1 de decembro de 1895, p. 8

23 octubre 2010

ABADESA GUNTRODA

Guntroda era a abadesa do mosteiro dúplice de San Martiño de Pazó (Allariz) no século X. Esta muller foi protagonista de certas fazañas. Guntroda era filla de Ildoncia, irmá de Gutier Menéndez, polo tanto era de orixe aristocrático. Esta muller tiña intención de apoderarse tanto de Santa María de Ribeira como de Santa Comba de Bande. No que se refire a Santa Comba de Bande, Guntroda posuía unha escritura de propiedade que esta defendía con gran celo. Pero a posesión de Santa Comba estaba en mans de Vermudo que lla deixa en herdanza ao seu fillo Odoíno. Pero este, temendo os conflitos que podía xerar o feito de non pousír el a escritura, recorre a Ramiro II coa intención de recuperala. Ramiro recorre á súa vez ao bispo San Rosendo que conseguirá que Guntroda lle entregue a escritura. Pero Guntroda presenta unha demanda de devolución nun magno concilio celebrado en León. Aquí, o bispo compostelán Hermexildo declara que o verdadeiro dono de Santa Comba de Bande é Odoíno. Guntroda ve unha nova oportunidade de posuír Santa Comba cando Odoíno é acusado de manter relacións cunha monxa. Pídella ao conde Rodrigo e faise cos dereitos sobre ela. Pero cando Odoíno doa Santa Comba ao mosteiro de Celanova, Guntroda xa non terá máis pretensións pois non quería enfrontarse aos monxes do mosteiro. Vid: Pallares Méndez, MªC e Portela Silva, E., Gran Historia de Galicia. Da Galicia antiga á Galicia medieval (séculos VIII-XI), pp. 206-208.

22 octubre 2010

CARMEN MALINGRE LUDEÑA

É para min unha satisfación contar coa colaboración de Ana Malingre. Ana proporcionoume información sobre Inés Ludeña e agora faino, de novo, informándome de Carmen Malingre Ludeña. Estoulle moi agradecida.
 
Pois ben, Carmen Malingre Ludeña rexentaba a comezos de século un Almacén de carbóns. Ten o seu mérito, pois era algo inusual que unha muller levara adiante un negocio deste tipo. 

Carmen Malingre era filla de Inés Ludeña e Manuel Malingre Parmantier. Polo tanto, era membro dunha saga de recoñecido prestixio na cidade ourensá.

Carmen casou o 7 de febreiro de 1898 con José Freijanes, empregado da sección agronómica. Ao quedar viúva e ante a texitura de continuar co negocio familiar ou pechalo, optou polo primeiro. Deste xeito seguiu exercendo de dirixente do Almacén de Carbóns que se situaba na rúa Progreso. Dito negocio anunciábase diariamente na prensa local. Negocio que tivo unha permanencia durante os anos trinta do século pasado.

Era a nai de Julio Freijanes Malingre, o primeiro médico que aplicou a Penicilina en Ourense, e sogra de Paz Parada Pumar, quen está presente neste blog por ser unha das primeiras tituladas en medicina na nosa provincia.

                                   

(Fonte: La Región, 9 de novembro de 1922, p. 3) Galiciana.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes) Vid: La Correspondencia Gallega, 8 de febreiro de 1898, p. 2) (Foto: proporcionada por Ana Malingre)



17 octubre 2010

ADELA BOO GALLEGO

Naceu en Piñor (Barbadás) en 1904. Era filla de propietarios. No ano 1926 matricúlase nos estudos de Farmacia facendo cursos por libre e outros por oficial. No ano 1934 acada a titulación. 

Vid: Cid Galante, Rosa María, “As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940)”, e Minius, nº 11 e nº 12.

MARÍA DE LA PAZ DELGADO MEIRIÑO

Naceu en Pazos o 9 de outubro de 1911. Seu pai era Luís Delgado, propietario, e a súa nai Luísa Meiriño.

En 1922, aos once anos, realiza o ingreso no Instituto Provincial de Ourense e estuda por libre acadando o título de Bacharelato en 1926 e facendo a expedición do mesmo en abril de 1927. 

Solicitou o certificado de traslado á Universidade de  Santiago para matricularse na Facultade de Farmacia na que se rexistra en 1926. Realizou algúns cursos por libre e outros por oficial e licenciouse no ano 1931. 

Tras os estudos continúa coa súa incorporación no mundo laboral. Colexiouse co número 36 e comezou a traballar en Albarellos, Monterrei. Logo, en 1955, estivo en Oimbra onde foi Inspectora Farmacéutica Municipal.
Casou con Manuel Lamas Quesada que era Comisario de Policía e residían en Maside.
 
Abriu unha farmacia na estrada da Lonia para a que se lle autorizou a instalación dun rótulo en abril de 1957. Alí estivo traballando ata xubilar. Faleceu en Verín no ano 2001.

Vid: Cid Galante, Rosa María. Tese de Doutoramento; Rosa María, “As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940)”, e Minius, nº 11 e nº 12.
Freire Quintas, Laura, Aportación a la Historia de la Farmacia en la provincia de Orense, traballo presentado na Facultade de Farmacia da Universidade Complutense en 2015, p., 207. (Foto extraída de Freire Quintas); 
FAMILIA MEIRIÑO DE PAZOS. (2023, June 15). Blogspot.com. http://lacasadelperu.blogspot.com/2015/07/familia-meirino-de-pazos.html


CONSUELO CASTELAO BERNÁRDEZ

Naceu en na cidade de Ourense o 30 de noembro 1904 e era filla dun artesán. Era irmá de Justa Castelao.
 
Fixo os estudos no Instituto Provincial de Ourense e no ano 1924 acadou o título de Bacharelato e solicitou o certificado de tralado para a Universidade de Santiago.

No ano 1926 comezou os estudos na Facultade de Ciencias en Compostela e alí permaneceu catro anos, logo dos cales pediu un Certificado de Estudos para Madrid.
 
O seu expediente académico univesitario foi brillante obtendo premio en Química Analítica.
No ano 1933 preséntase aos cursos para acceder ao Maxisterio aprobando os tres exercicios. Pasou a exercer na escola de Calvelle e, en 1934 déronlle a escola de  nenas número 1 da cidade e en maio de 1938 solicitou unha excedencia ilimitada pois entrou a traballar no instituto ourensán:

Autorización:

Por la misma Autoridad, y en atención a las necesidades del servicio, se autoriza a Doña Consuelo Castelao Bernárdez para que siga agregada al Instituto hasta que las circunstancias permitan el traslado de la misma a la escuela que regentaba[1].

Acabaría sendo compañeira da súa irmá Justa que tamén exercía no Instituto ourensán de axudante gratuíta de Ciencias.

En 1935 tamén asinaría unha carta que se enviou ao decano de Pontevedra na que se pronunciaron unha serie de profesores, entre eles Angeles Leirós, contra o intrusismo da profesión nos colexios privados.

[1] “Autorización”, La Región, 30 de xaneiro de 1937, p. 2.

Vid: Rosa María, “As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940)”, e Minius, nº 11 e nº 12; El Compostelano, 11 de novembro de 1924 novembro 11, p. 2; El Pueblo gallego, 2 de outubro de 1929 , p. 2; El Compostelano, 2 de outubro de 1930, p. 2; El Pueblo gallego, 13 de outubro de  1933, p. 9; El Pueblo gallego, 27 de decembro de 1933, p. 10; Galicia, 20 de maio de 1934, p. 6; El Pueblo gallego, 11 de maio de 1938, p. 2.

MARTINA GALLEGO IGLESIAS

Naceu en Ourense o 12 de decembro de 1902. Ingresou na Facultade de Medicina en 1925, cando tiña 23 anos, para cursar estudos de matrona e licenciouse en 1927. Posteriormente, trasladouse a Ourense para exercer a súa profesión.

Instalou en 1927 a súa consulta que estaba situada na rúa Pizarro, nº 20. Tamén asistía nos propios domicilios e acudía aos pobos de arredor. Dita consulta tiña un rótulo público concedido polo Concello en abril de 1927 para facilitar a localización.

Unha muller independente que vivía do seu traballo. Na cidade había bastantes mulleres que exercía a profesión de matrona pois non había unha Clínica de xinecoloxía para atender ás mulleres. Eran profesionais moi solicitadas e, como Martina, anunciábanse na prensa local para dar conta da súa formación e dos servizos de atención ás parturientas.

Vid. Cid Galante, Rosa María, “As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940)”, e Minius, nº 11 e nº 12; Galicia, 20 de novembro de 1930, p. 7..

TAREIXA LOURENZA

Outra interesante mostra de concienciación feminina. No ano 1457 preséntase esta muller e o seu home perante o Reitor da igrexa de Santo Tomé de Maside coa intención de expresar o desexo mutuo de anulación matrimonial. Argumentan que o seu matrimonio foi realizado sendo menores de idade. Así o relatan: "...que podía aver oyto annos pouco mays ou menos que elles anbos ouveran palabras de casamento non sendo elles de ydade conprida e que foran feitas contra vontade da dita Tareyja Lourença e contra o seu defendemento non querendo ella consentyr en ello salvo por premea e engano de outras persoas e que foran anbos juntados en pousada e deytados en cama e nunca poderan aver juntamento de copulla carnall nen aver consebudo para fezeren jeneraçon querendo llella deus dar por llas quaes razoes avian moyta descordia e mall e se temya de ao adeante se seguir mais dano e ynpedimento asi das almas como dos corpos e d avenças e outros viyren a ocasion de mortes e de peligros por causa delles" O vicario, vistos os argumentos, concédelles a liberdade. Vid: Pallares Méndez, Mª C. e Portela Silva, E., "De Xelmírez aos irmandiños. A Galicia feudal (séculos XII-XV)", Gran Historia de Galicia, Tomo V, Volume 2, pp. 136-137.

ELVIRA RODRÍGUEZ

Outra referencia interesante é esta entrada que se ofrece. Elvira Rodríguez, muller do século XV, atrévese a enfrontarse ao seu marido maltratador. Resaltámolo porque estamos nunha época na que este tipo de sucesos resultaban incribles debido á condición que se tiña da muller de submisión ao marido. 

O caso foi que o tres de abril de 1465, na cidade de Ourense e diante do notario de entón, García Fernández e as testemuñas pertinentes, Xoan Afonso de Tenorio, comerciante e veciño da devandita cidade vese obrigado a facer unha confesión pública dos malos tratos que proporciona á súa dona chegando a apuñalala. 

Elvira reacciona de forma concienciada e abandona o seu fogar para refuxiarse na casa do xuíz da cidade. Ela pretende unha solución xusta e de acordo co dereito. O marido arrepíntese do mal que fixo e declara o propósito de tratar ben á súa muller e roga á súa muller que regrese a casa. O marido tamén se compromete a aportar unha multa se non cumpre o prometido. Para iso empeña os seus bens, mobles e raíces co obxecto de pagar a multa de 20.000 marabedís. A metade da multa tería que entregárselle ao bispo electo de Ourense, señor da cidade, e a outra metade ao xuíz e rexedor pedro López. 

Vid: Pallares Méndez, Mª C., e Portela Silva, E., "De Xelmírez aos irmandiños. A Galicia feudal (séculos XII -XV)" A gran Historia de Galicia", Tomo V, volume 2, pp. 132-134.



TERESA GÓMEZ

Teresa Gómez era filla de Gómez de Tyollo. O 29 de abril de 1458 esta muller presentou unha querela na Praza do Campo e perante a audiencia de xustiza acusando a Xoan, criado de Xoan de Novoa, porque a agredira con intento de violación. O que ocorreu foi que na véspera, ao mediodía, estando no Seixo, o mencionado Juan "aderençara a ella et que a tomara por los cabellos e a levara arrastro por dormyr con ela". O criado non conseguiu o seu propósito pois por alí pasaron o cóengo Roi García e o seu propio criado Gonzalo García, os que evitaron a consumación da violación tal como contou aos rexedores Tareixa Gómez. O século XV foi unha etapa de incerteza e inestabilidade e as mulleres resultaron ser vítimas de A denuncia de Teresa Gómez pon de manifesto a toma de conciencia por parte da muller e o desexo de que este tipo de agresións sexan totalmente rexeitados pola sociedade. Vid: Ferro Couselo, Xesús, A vida e a fala dos devanceiros. Pallares Méndez, Mª Carmen e Portela Silva, Ermelindo, "De Xelmírez aos irmandiños. A Galicia feudal (séculos XII-XV)" en A gran Historia de Galicia, Tomo V, volume 2, pp. 128-131.

12 octubre 2010

SARA CÓLEMAN


Naceu en Allariz en 1980  filla do mítico xogador de fútbol Marcelino. Xove deseñadora ourensá que foi alumna de Verino. Ten presentado os seus modelos nas edicións EL EGO de Cibeles. Tamén se dedica á docencia no eido téxtil.

AUREA RIVELA


Naceu no ano 1975 en Ourense. Dedícase ao deseño da alta bisutería con estilo art nouveau. Emprega nos seus deseños materiais de diverso tipo: latón, madeira, cuarzo, ágatas, etc. Tivo gran éxito na Pasarela EL EGO de Cibeles. Na actualidade as súas tendas repártense por diferentes países.

08 octubre 2010

LORENA LUACES


Atleta nacida en Ourense. Comezou moi nova practicando cros, carreiras, salto de vallas...Agora é unha das máis destacadas marchadoras. Participou en importantes competicións tanto en Galicia, España como no estranxeiro, obtendo records.

02 octubre 2010

TERESA TÁBOAS

Hai un blog interesante denominado mulleres de Vigo. De aí extraín esta información sobre Teresa Táboas. O motivo non é outro que o de considerar a Teresa Táboas tamén ourensá, e supoño que ela tamén o verá así, xa que os seus pais eran de O Carballiño e Beariz. Por tal motivo, e como o as persoas podemos ter vínculos moi próximos con moitos lugares pois a nosa vida así nos fai pertencer a diferentes sitios e cidades, pensei que a ela lle gustaría verse reflectida nun blog de mulleres ourensás. Teresa Táboas, filla de emigrantes ourensáns, naceu na Cidade de México no ano 1961. Desde o 15 de Maio de 2003, a conselleira de Vivenda e filla de emigrantes ourensáns do Carballiño e Beariz, é decana presidenta do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza, sendo a primeira muller en acceder a ese cargo.Doutora Arquitecta coa Tese Doutoural dirixida polo arquitecto César Portela Fernández Jardón, titulada “ El Color en Arquitectura “ na que obtivo a cualificación de Sobresaínte ”Cum Laude”Colaborou durante 6 anos no Estudio do Arquitecto Cesar Portela Fernàndez-Jardòn ( Premio Nacional de Arquitectura).Traballou dous anos no Concello de Marín como arquitecto municipal.Funda no ano 1990 o Teresa Táboas Estudio de Arquitectura, desde o que vén desenvolvendo numerosos proxectos de Edificación e Urbanismo.É conselleira titular do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos do Estado español, sendo a segunda muller que accede a este cargo desde que no ano 1931 se funda tan prestixiosa institución.É membro da Comisión de Vivenda do Consello Superior de Arquitectos do Estado español.Foi nomeada polo Consello Superior de Arquitectos do Estado español no ano 2.003, ante o Consello de Arquitectos de Europa con sede en Bruselas, membro das seguintes comisions: Taskforce for Urban Issues e Taskforce for Enviorment and Sustenaible Architecture. Vid: http://mujeresdevigo.blogspot.com/2009/01/teresa-tboas.html

RAQUEL DANS LOSADA

Natural de Vilamartín de Valdeorras. Nos anos trinta era cortexada polo piloto Apolina Sainz de Buruaga y Polanco, quen dende o aeródromo de León viña voando na súa avioneta e tiraba un ramo de flores na finca da súa noiva con carta incluída. Casaron en 1933 e en 1935 tiveron un fillo tamén dunha vida exitosa. 

ANTONIA AVILÉS DE VEGA

Naceu en Berrande, Vilardevós, o 3 de febreiro de 1905. O seu pai era tenente de carabineiros e a súa nai deidácabese aos "seus labores", tal como se indica na partida de nacemento.
Fixo o exame de ingreso no instituto provincial o 10 de xuño de 1918 e a partir de entón permanece matriculada ata o ano 1924 e faino de forma oficial. Obtivo catorce sobresalientes e o resto notables.
Solicitou a expedición do título de bacharelato o 19 de xuño de 1924 e o 19 de setembro dese ano solicitou o certificado de traslado para a Universidade de Santiago.
Matriculouse na Facultade de Ciencias en 1924. Aquí realiza un único curso pois pide traslado á Universidade de Murcia. Implicouse co movemento nacional que se alzou contra o goberno integrándose na Sección Femenina Falanxe Española.
En 1930 ingresou como Auxiliar da Administración e Contabilidade.  

Vid: Cid Galante, Rosa María, As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 12, 2004, pags. 73-102. As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 11, 2003, pags. 139-156; Revista Tabacos,2, nº 46, 1935, p. 27.

MARÍA DEL CARMEN PADILLA GARCÍA

Naceu en Ourense capital  o 15 de marzo de 1898. Era filla do Catedrático e eminente filólogo Don Salvador Padilla de Vicente, Caredrático de Latín e Lengua e pedagogo que foi director do Instituto Provincial, e de Asunción García. Matriculouse no Instituto Provincial realizando todos os cursos de bacharelato pola opción. Para preparar os exames acudiu á Academia Dolores Usich de Rocafull.

O seu expediente académico foi brillante e foi premiada en todos os cursos pois prácticamente en todas as materias sacou sobresaliente con premio. 

O 30 de setembro de 1926 solicitou certificación para a Escola Normal de Mestras de Ourense.  

En 1933 realizou os cursiños para acceder ao maxisterio. Foi destinada á escola de Vilamartín de Valdeorras e alí foi onde casou, en novembro de 1938, con Manuel Rodríguez un coñecido propietario do lugar. O matrimonio quedou a vivir na localidade e Carmen permaneceu sempre de mestra na escola do lugar.


(Fonte: Foto Villar, Carrozas na Batalla de Flores, Vida Gallega, 10 de xullo de 1926)


Vid: Cid Galante, Rosa María,  Tese de doutoramento.
Fotografía: Vida Gallega, nº 77,  30 de outubro de 1916, p, 17.