Etiquetas

04 septiembre 2010

MERCEDES CANEDA DE ASTRAY

Mestra de Ourense con enderezo no nº 21, hoxe 17, da rúa da Paz de Ourense, no que ten ubicado un colexio moi coñecido dende os anos vinte ata entrados os sesenta do século pasado, o colexio “de la Profe”, alcume polo que era coñecida na sociedade ourensá. 

É lembrada no libro do ourensano, José Eduardo Valenzuela Ulloa, “Ai Ourense, Ourense”, e dalgún artigo de Xosé Luis Méndez Ferrín no “Faro de Vigo”  ámbolos dous alumnos do citado colexio, xuntamente con fillos de coñecidas familias ourensás de entón, Temes, Encinas, Serantes, García Boente, Madriñán, Peña e mesmo os de Faustino Santalices, o gaiteiro de Bande. 

Levaba a cabo un plan de estudos bastante anárquico pero moi eficaz. Dona Mercedes, unha muller moi grosa, recibía e despedía cun bico na fronte ou na meixela a cada alumno: 

“una exhuberante camilla en generosa estancia, casi sin aulas, y alrededor maestras y alumnos sin asignación de pupitre y mesa, sin delantal ni uniforme y a todos por su nombre de pila, iniciándose la faena colegial en forma de tertulia, coloquio o charla distendida en la que se iban incardinando, con naturalidad, los más variados aspectos de la lección del día, narración de historias, dictado de deliciosos cuentos, ambiente más casero que docente”. 

Méndez Ferrín conta que no había máis tratamento que o “tuteo” e nunca se recibían castigos corporais, e que o seu método estaría inspirado no proxecto pedagóxico krausista, adoptado pola ILE, a Institución de Libre Enseñanza. 

Durante a guerra foi obxecto de calumnias, polo seu talante liberal, que case a levan á ruína por quedar sen alumnos. Casou cun funcionario de facenda da familia dos Astray, co que tivo un fillo, Pepín, tamén funcionario de facenda en Madrid anos despois. Morreu esquecida e cega.