Etiquetas

05 agosto 2010

MARÍA BENITA IGLESIAS LAMAS

Naceu en 1909 en Ourense e matriculouse no Instituto Provincial en 1922, cando tiña 13 anos. Estudou os seis anos de bacharelato e obtivo tamén o título de Maxisterio en 1928 (1).
Comezou como mestra interina en 1930 exercendo na escola de Figueiredo en Paderne pero foi represaliada e sufríu pola Depuración a Mestres Nacionais. 
O Decreto do 8 de novembro que alude á Depuración de Mestres nacionais require especial atención, xa que a partir do mesmo, o proceso de depuración toma corpo legal, e sentan as bases e os principios da depuración. A través deste decreto xustifícase que o maxisterio durante a República estivo en mans inapropiadas, polo cal era necesaria unha revisión da instrución pública, para poder extirpar as falsas doutrinas arraigadas durante este período. 
As bibliotecas públicas e privadas tamén sufriron o proceso de depuración, para o cal se constituíron comisións depuradoras específicas. Especialmente intensa foi a depuración que se produciu cos libros de texto escolares: periodicamente os distintos boletíns provinciais facían pública a relación de libros de texto autorizados polas autoridades educativas franquistas. A depuración afectou a todos os mestres, desde o ensino público á privada, incluíndo tamén á relixiosa, desde a primaria até a universidade, e tamén afectou as Escolas Normais. 

En todo caso, pasada a criba moitas mestras exerceron sen problemas. Benita nos anos 40 levaba a escola de Sabucedo e despois foi destinada á Unitaria de Ramil. Traballou ata a súa xubilación. Ao falecer en 1965 foi enterrada no Cemiterio de San Francisco de Ourense.

(1)Cid Galante, Rosa María, Muller e Educación en Ourense, 1900-1930, Tese de Doutoramento.
Outras fontes: Hemeroteca e Ministerio de Cultura e Deporte.