Etiquetas

31 mayo 2010

MATILDE DOCAMPO CASTRILLEJO

Naceu en San Ciprián, Ourense, o 19 de xullo de 1904 e era filla do capitán de infantería  Don Victoriano Docampo Álvarez e de Baltasara Castrillejo. O día 19 de setembro de 1919 realizou o exame de ingreso no Instituto de Ourense. A partir de entón matriculouse por libre nos cursos de bacharelato. Rematou os estudos de secundaria en 1923 cunhas notas destacables.

Solicitou o certificado de traslado para a Universidade de Santiago. Foi unha das primeiras ourensás que se incorporaron aos estudos superiores a comezos de século XX, concretamente no ano 1923, cando tiña 19, estaba matriculada por oficial na Facultade de Farmacia. Estando en Santiago participou na homenaxe que se lle tributou no Teatro Principal o día 24 de novembro de 1924 a José Rodríguez Carracido, pois Matilde formaba parte do "Cuadro Universidade". Representouse o drama en verso "Lubicán" de Armando Cotarelo Valledor no que Matilde desempeñou o papel de Xoana. Así falaba a prensa da súa interpretación:


Matilde Docampo, en el papel de "Xoana" madre de "Inesa" estuvo soberbia, magistral, alcanzando un éxito definitivo y rotundo que el público no dejó de reconocer desde el primer momento. En su papel de madre gallega supo volcar todo el tesoro lírico de su alma de mujer. Nadie estaría mejor que lo estuvo ella en este papel que le valió ovaciones y aplausos prolongados" (1).
 
Realizou todos os cursos e licenciouse no ano 1928. Ese mesmo ano comeza a rexentar a farmacia de San Xoan de Ribadavia.

Lamentablemente faleceu o 28 de novembro de 1934 en San Cibrán das Viñas. Tiña tan só trinta anos.
De novo as nosas mulleres ourensás demostran a súa valentía facendo estudos universitarios nunha época na que non se vía con bos ollos que as mulleres tomasen esa iniciativa.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930) Tese inédita. Cid Galante, Rosa María., As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 11, 2003 pags. 139-156. Cid Galante, Rosa María. As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 12, 2004, pags. 73-102; La Región, 18 de outubro de 1923, p. 2; El Ideal Gallego, 24 de novembro de 1924, p. 5; El Compostelano, 22 de novembro de 1924, p. 1; Domecq en Galicia, 1 de novembro de 1928, p. 26; El Ideal Gallego, 22 de xaneiro de 1930, p. 5; La Región 29 de novembro de 1934, p. 5. (1) El Pueblo Gallego, 26 de novembro de 1924, p. 10; Foto: El Pueblo Gallego, 26 de novembro de 1924, p. 12.