Etiquetas

30 octubre 2009

RAFAELA SALGADO

Directora dunha escola primaria de párvulos establecido en O Carballiño no ano 1906. O local, duns 42 metros cadrados estaba organizado e amoblado por zonas de actividade: bancos de lectura, mesas-bancos para a escritura, cadeiras para os labores e o ensino e unha plataforma para a mestra.
Vid: BENSO CALVO, C., CID GALANTE, R.M., "A ensinanza privada en Ourense a principios do século XX, Sarmiento, nº 8, p. 77.

TERESA ROQUETA VILA


Fundadora, xunto co seu home Sinforiano Luengo, da Escola Laica Neutral de Ourense en 1909. Foi esta unha experiencia educativa, seguidora da pedagoxía de Ferrer i Guardia que se desenvolveu ata 1936. Se ben o proxecto foi rexeitado pola Igrexa e as clases dominantes ourensás. A Escola foi financiada pola Agrupación Librepensadora de Ourense e desde a Unión Provincial Ourensana de Buenos Aires e a Unión Orensana de Cuba, sociedades de instrución de alén o mar. Apoiada pola masonaría ourensá, constituíuse na cidade a Sociedade Protectora da ENLO.
E non hai mellor cousa que a colaboración entre aquelas persoas que temos un interese especial pola historia da nosa cidade. E digo isto pois esta fotografía foime cedida por Rafa Salgado que ten un blog interesantísim, e xa citado noutra ocasión, denominado: ourensenotempo.blogspot.com. Agradézollo moito.
Vid: VALÍN FERNÁNDEZ, A., Laicismo, educación y represión en la España del siglo XX. Ourense 1900-1936/39, Sada, 1993, A Coruña, Edicións do Castro, 205-212.
CID FERNÁNDEZ, J.M., Educación e ideoloxía en Ourense na II República. Organización e acción socioeducativa do Maxisterio primario, Santiago, Universidade de SAntiago, 1989, pp. 51.

MARÍA RODRÍGUEZ VÁZQUEZ

En 1939 era directora dun colexio de ensino medio en Carballiño. Vid: MENDEZ LOIS, Mª José, Mulleres na Educación en Galicia, MUPEGA, 2009, p. 235.

OBDULIA RODRÍGUEZ

Mestra que estableceu en Celanova unha escola privada da Inmaculada Concepción en 1904. O local estaba distribuído en catro zonas destinadas á lectura, labores e ximnasia. Vid: Benso Calvo, C., Cid Galante, R.M, "A ensinanza privada en Ourense a principios do século XX", Sarmiento, nº 8, p77.

CONCEPCIÓN RAMÓN AMAT

Foi alumna da Escola de Estudos Superiores de Maxisterio e exerceu como directora da Escola Normal de Ourense entre 1932 e 1934. Estivo casada con Manuel Maceda, xefe de inspección por aquela época. Entre ambos desenvolveron un proxecto de colaboración entre as dúas institucións coa finalidade de construír un proxecto serio de formación do profesorado, pois a política educativa republicana confiáralles a dirección do proxecto "Novo Mestre". Inspección e Escola Normal asumiron a organización de cursos, encontros e semanas pedagóxicas de perfeccionamento do profesorado e de extensión cultural, ademais do proceso de selección comezado para emendar as deficiencias das oposicións de 1928. Concha, na Escola Normal, correspondeulle experimentar o Plan profesional de 1931. Considerarase que o Ensino Privado viviu moitos anos coas rendas deste labor intensivo.
Concepción Ramón foi, ata a súa xubilación, profesora da Escola Normal de Ourense, aínda que sen volver a optar a cargos directivos.
Vid: Cid Fernández, J.M., Educación e ideoloxía en Ourense na II República. Organización e acción socioeducativa do Maxisterio primario, Santiago, 1989, Servicio de Publicacións e Intercambio Científico, pp.53-54

15 octubre 2009

PILAR PEREIRA SANTOS

Mestra que se estableceu en Ourense e foi directora dunha escola privada de nenas en 1902 situada no número 4 da rúa da Libertad da capital ourensá. Contaba cun salón-clase con dúas ventás e un pequeno cuarto de biblioteca. Vid: Benso Calvo, C. e Cid Galante, Rosa María, "A ensinanza privada en Ourense a principios do século XX", Sarmiento, 2004, nº 8, 43-77.

13 octubre 2009

CARMEN PARDO LOSADA

Naceu en Ourense en 1890 e faleceu en Madrid en 1983. Ocupará na Escola Normal de Mestras de Lugo a Cátedra de Pedagoxía e a súa Historia con rudimentos de Dereito e Lexislación Escolar, procedente da Escola de Estudos Superiores de Maxisterio de Madrid. Na escola de Lugo desempeñou o cargo de directora dende o 3 de setembro de 1916 ata o 8 de xuño de 1931, ano no que a distituíron do claustro coa chegada da República. A partir de 1939 foi nomeada directora novamente, cargo que ocupará ata a súa xubilación en 1959.
O 20 de maio de 1919 foi nomeada socio do Instituto de Estudios Gallegos de A Coruña. O 20 de xuño de 1928 entrou a formar parte da Xunta creada para a Institución da Gota de Leche. Dous anos máis tarde, o 13 de novembro, nomeárona Vogal da Xunta Especial de Autoridades de Primeira Ensinanza.
Foi alumna bolseira da Universidade Internacional de Santander no curso de verán de 1933 e 1935 e da Universidade Católica de Santander no curso de verán do ano 1934.
O 9 de abril de 1935 foi nomeada directora da Escola Elemental do Traballo, cargo que ocupou ata o mes de abril de 1936. Foi, ademais , vogal da Xunta Provincial de Ensinanza.
Foi obra súa a organización e funcionamento das escolas graduadas anexas ás Escolas de Maxiterio de Lugo e formaba parte do Padroado de Cantinas e Colonias, tendo contribuído á súa organización.
Foille concedida a Gran Cruz da Orde de Alfonso X o Sabio e o nomeamento de Directora Honoraria da Escola de Maxisterio Feminina.
Vid: De Abel Villela, Adolfo, Cincuenta años de Formación de Formación Profesional en Lugo (1932-1981), Lugo, Xunto de Galicia, Consellería de Educación e Cultura, 1985, páx. 90-92.
Méndez Lois, Mª José (Coord.), Mulleres na educación en Galicia, MUPEGA, Xunta de Galicia, 2009, p. 199-200.