Etiquetas

02 junio 2009

ROSARIO FERNÁNEZ DELGADO


Hoxe, de forma casual, atopei unha páxina web interesante á que accedín a través do blog, tamén moi interesante, chamado "ourensenotempo.blogspot.com", moi recomendable. Pois ben, alí apareceu un enlace á páxina do pobo Alberguería e atopei este testemuño precioso sobre a mestra que impartiu clases neses lugares, alá polos anos 55. Este tema sensibilízame moito por iso o recollo aquí no meu blog sobre mulleres ourensás e, por suposto, porei o enlace ao final para quen queira acceder á toda a información. A fotografía desta mestra tamén se extrae desta páxina. Un resumo sería:
Rosario Fernández Delgado foi a mestra de Alberguería nos últimos anos deste pobo, era a mestra das nenas polo día e das mozas pola noite. Actualmente vive en Ourense e Alberguería foi o seu primeiro destino en 1954, logo estivo no Barco de Valdeorras e finalmente retirouse en Ourense. Era moi nova, recentemente aprobada a oposición de mestra cando chegou ao pobo, para quedar a vivir alí. Lembra o seu labor como mestra, á parte da formación humanística típica: ler, escribir correctamente, calcular, coñecementos de historia e xeografía, tamén daba clases un pouco de todo, en particular coser, pasar o ferro, almidonar, bos costumes, dispoñibilidade cara aos demais, etc. Lembra que no pobo había luz eléctrica, a que producía a pequena Central da familia Prada, situada no río Xares, a luz tíñana polas noites pero nunha ocasión dérona de día, e na pequena central eléctrica pasaron o ferro e almidonaron usando a electricidade... Tamén facían teatro na escola; aos pais encantáballe asistir.