Etiquetas

28 marzo 2009

GRUPO FEMININO DE OURENSE (SECCIÓN DO PARTIDO GALEGUISTA)

Nos anos trinta haberá mulleres ourensás como Xosefina Bustamante dona de O. Pedrayo, Emillia Blanco de Monjardín, Milagros Rodríguez dona de Cuevillas, Celia Bouzas de Peña, Xoana Somoza de G. Salgado, Isabel Algarra de Ramón, María del Socorro R. De Guede, María do Carmo Fernández dona de Risco, Mercedes Docampo, Felisa María Morais, María Teresa Cortón, Carmela Salgado, Catalina López Cid, Mercedes López Cid, Manuela Ventura, Rosa Docampo, Carmen G.Rodríguez, Pura González, Mariña Peña, Esther Peña, Maruxa G.Quiroga, Victoria González Quiroga e Maruxa G.Gándara, que constituirían dentro do Partido Galeguista O Grupo Feminino de Ourense, actuando Celia Bouza e Mercedes Docampo como presidenta e secretaria respectivamente, que si quixeron reivindicar posturas políticas e se implicaron no proceso de concienciación doutras mulleres. Todas elas asinarán un manifesto expondo as súas razóns pero, aínda que as súas interpelacións sobre o papel que debería xogar a muller galega ante o devir da terra, eran moi interesantes, a óptica era moi tradicional, pois concedíalle á muller o deber de ser depositaria e gardiana da tradición (similar ao punto de vista defendido pola igrexa). Así mesmo, daban relevancia ao papel da muller como educadora dos/as seus/súas fillos/as e como auxiliadora dos seus homes. Este manifesto tivo transcendencia e eco en Galicia pois foi publicado tanto no periódico independente de Lalín, Razón, como en A Nosa Terra. Para o periódico Razón a calidade do texto merecíalle o seguinte exordio: Se oxe (sic) se levantara Napoleón, xa non podería decir como n´aquel tempo, que as mulleres solo sirven para remandalo-s calcetis; as mulleres d´oxe tanto figuran no foro, como nas letras, como nas crenzas, como nas artes; a muller d´oxe en día, tan pronto atende os traballos d´o fogar como se pon o frente d´un exército en defensa d´a Terra que a veu nacer; a muller d´oxe en día danos os homes un exemplo moi grande que non debemos votar no olvido. Vede, senón, ese manifesto que un grupo de distinguidas mulleres ourensás, vos pon deante chamándovos a todal-as mulleres a unión. Fixádevos ven e cavilade un pouco, xa veredes como, acabando por convencervos d´a realidade, acabaredes por acudir o chamamento d´esas compañeiras vosas que merecen o respeto, a ademiración i-o recoñecemento de tod-os vos galegos”[1]. O manifesto publicado íntegro nos dous xornais dicía textualmente o seguinte: “Niste momento en que Galicia háchase (sic) máis necesitada que nunca de agarimo e de todos os esforzos dos seus fillos, pra defensa dos seus dereitos descoñecidos e feridos de toda sorte, coidamos que é cando a muller galega, chamada á vida púbrica (sic) por imperativos dos tempos que corre, e por a natureza ha ser no lugar a conservadora das tradicións dos nosos maiores e a educadora dos galegos de manan, debe coller decididamente o posto que lle corresponde. Enrolándonos baixo da bandeira de Galicia, pra defendermos o que nos e mais achegado e mais querido imos aportar a nosa vontade o noso entusiasmo á terra dos que queren erguer a Patria galega á cultura e dinidade de que é meritoria...Coma mulleres e como galegas, a nosa misión ten que ser de paz e de afirmanza. En ben da nosa Terra, chamamos á concordia e á unión a tódolos fillos de Galicia, pra unha obra de construcción e de vida, non pra unha laboura negativa e destructora. Chamamos ao voso corazón de fillas e de nais; pola lembranza dos antergos e polo porvir dos nosos fillos; pol-o noso fogar, pol-a nosa tradición, pol-a nosa cultura, pol-a nosa fala...”[2] [1] “As mulleres galegas”, Razón, Periódico independiente, Lalín, nº. 2, 3-8-1933 en RODRÍGUEZ GALDO, Mª Xosé (coord.), Textos para a Historia das mulleres en Galicia, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, 1999, pp. 575-576. [2] “Exemplos”, A Nosa Terra, 6-8-1933, pp. 1-2.

No hay comentarios:

Publicar un comentario